O TSXG suspende os mínimos en universidades e transportes de escolares e traballadores

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza resolveu, mediante un auto notificado na tarde deste martes, a petición da CIG de suspensión cautelar dos servizos mínimos acordados para a folga xeral do 14 de novembro, por seren desproporcionados e carentes de motivación. O alto tribunal galego critica que a Xunta demorase até dous días antes do comezo da folga a publicación no DOG dos servizos mínimos, o que dificulta a tutela xudicial do dereito fundamental.

Entre os sectores de actividade que eran obxecto da petición de suspensión cautelar dos servizos mínimos, o TSXG dá a razón á CIG no relativo ás universidades públicas, entendendo que non parece razoábel estabelecer que poida someterse ao alumnado a exames durante a xornada de folga e, mesmo de ser así, deberíanse limitar os servizos mínimos aos centros onde tales exames existan, e non estendelo ao conxunto de escolas e facultades.

Do mesmo xeito, o TSXG suspende os servizos mínimos en materia de transportes especiais de escolares e traballadores, declarando que resulta «desmedido e desproporcionado» e supón «unha clara conculcación do constitucional dereito de folga» que tales transportes funcionen a pleno rendemento nas horas de entrada e saída dos centros escolares ou de traballo.

A Sala concede á Xunta un prazo até as 22:00 do día de hoxe para que realice alegacións, en orde a establecer novos servizos mínimos nos sectores de actividade en que foron suspendidos. En caso de non facelo, universidades e transportes de escolares e traballadores operarán sen servizos mínimos durante a folga xeral de mañá.