As primeiras horas da folga paralizan a actividade nos principais polígonos

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

O masivo seguimento por parte dos traballadores/as e a ausencia de incidentes marcan o inicio do paro

As primeiras horas da folga xeral deixaron totalmente paralizada a actividade nos polígonos industriais galegos e nalgunhas das empresas máis importantes. A masiva participación dos traballadores/as e a ausencia de incidentes marcaron o inicio dun paro que tamén está a afectar ao servizo de recollida do lixo das principais cidades do país.

Os primeiros piquetes saíron en Vigo cara aos polígonos do Porriño, Caramuxo e Valadares, onde a tónica xeral foi a ausencia de traballadores/as da quenda de noite. De feito, no caso do polígono vigués a labor informativa non foi necesaria ante a ausencia de persoas e os integrantes do piquete achegáronse até a planta de Citroën, onde a entrada de traballadores da quenda de noite foi moi escasa. A recollida de lixo da cidade atópase totalmente paralizada. Despois da media noite partía do local da CIG o piquete máis numeroso, que percorreu a rúa Urzaiz até a farola de Príncipe e regresou de novo até o Calvario sen que se rexistraran incidentes xa que todos os establecementos de hostalería pecharon as súas portas.

Na cidade da Coruña os primeiros piquetes levaron a súa actividade informativa até o Polígono de Sabón, diante das portas de Zara Loxística. O paro tivo un amplo seguimento tanto na quenda de noite desta empresa como na de Alcoa. Así mesmo, a recollida de lixo na cidade (Cespa) e no Consorcio das Mariñas está parada.

En Ferrol, a folga no sector da limpeza e recollida do lixo está consolidada. Nos polígonos industriais non entrou ninguén na quenda das 22:00 horas, quedando sen actividade empresas como Inditex, Indipunt e Pull&Bear. Tampouco entraron traballadores/as á quenda de noite de Navantia. A recollida de lixo nos Concellos de Narón e Ferrol tamén está paralizada.