7:00h: apoio masivo á folga xeral e parálise case total da industria e dos servizos

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

Os datos de seguimento da folga xeral, actualizados ás sete da mañá, amosan unha completa paralización dos sectores industriais e os servizos. Estas primeiras informacións poñen de relevo o rexeitamento das traballadoras e traballadores galegos/as aos recortes sociais e económicos impostos polo Goberno español, a pesar do desproporcionado operativo policial que se constata en varias cidades e vilas galegas.

Servizos como a recollida do lixo pararon totalmente; os portos da Coruña, Vigo, Ferrol, Vilagarcía e Marín; así como, as lonxas de Vigo, Marín, Burela, Coruña, Celeiro e Ribeira. Ademais, as principais empresas de diferentes sectores tamén pararon totalmente.

Foi o caso do sector da automoción en Vigo, Santa Bárbara, Megasa, Navantia, Factoría Naval de Marín, Ferroatlántica, Televés, Castrosúa, Maessa, Estrugasa, Alcoa, Galfor, Crown Cork Ibérica, Faurecia, GKN-Indugasa, Maderas Iglesias, Viza Automoción, Frinsa, CESPA (na Coruña e Pontevedra), Repsol Petróleo, Leche Celta, Leite Río, Adolfo Domínguez, lonza Biologics, Dalphi Metal, Rodman-Polyships, Frinova, Begano, Conservas Calvo, ENCE, Gamesa Eólica, Zara Loxística, Pull&Bear ou Indipunt, entre outras. A isto hai que sumarlle o paro total no sector aéreo, no ferrocarril de media e longa distancia e no transporte de viaxeiros por estrada.

No que respecta ao transporte, tanto urbano como interurbano de viaxeiros e estudantes, o seguimento do paro está a ser superior ao 90%. No transporte de ambulancias só funcionan os servizos mínimos.

Tamén cómpre destacar, en relación aos medios escritos o amplo seguimento que tivo o paro nas rotativas de La Voz de Galicia e Ideal Gallego, que saíron con formato reducido.

Xunto a iso, salienta a situación que se está a vivir na CRTVG, na que por primeira vez en 25 anos se chegou a un acordo de servizos mínimos que supón non emitir nada en directo, só tres informativos (Bos Días, TX1 e TX2), que durarán a metade do habitual, e co compromiso de introducir ao comezo de cada programa e ao final un crowll no que se explica que hoxe se emitirá “unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga xeral”.

Implicación de toda a sociedade

Os sindicatos que convocan a folga xeral en Galiza, CCOO, CIG e UGT lembran que se enmarca nunha gran mobilización europea en defensa do emprego, a solidariedade e contra as políticas de axuste. Por iso, hoxe hai mobilizacións en 23 Estados e, nos casos de Portugal, Grecia e Italia, tamén folga xeral.

CIG, UGT e CCOO, explican que a folga se dirixe a toda a cidadanía, porque non hai colectivo profesional ou social que se libre dos efectos prexudiciais das políticas neoliberais que está a aplicar o Goberno central, actuacións entre as que cómpre sinalar a reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos. En definitiva, un «saqueo do pobo» que obriga que a resposta sexa de toda a sociedade, polo que piden que, ademais de secundar a folga, a cidadanía non consuma e que participe nas manifestacións convocadas para hoxe.

Manifestacións

A Coruña: 12 h. Praza da Palloza – María Pita

Ferrol: 12 h. Praza do Inferniño – praza de Armas

Santiago de Compostela: 12 h. Praza Roxa – Praterías

Ribeira: 12 h. Estación de autobuses – praza do Concello

Lugo: 12 h. Edificio de sindicatos – praza de Santa María

Monforte de Lemos: 19:30 h. Praza de España – praza da Estación

Burela: 12 h. Estación de servizo Vista Alegre – praza do Concello

Ourense: 12 h. Pavillón dos Remedios – Subdelegación do Goberno

Pontevedra: 12:30 h. Praza da Ferrería – praza de España (Concello)

Vilagarcía de Arousa: 12 h. Casa do Mar – praza de Ravella

Vigo (estarán os secretarios xerais): 11:30 h. Praza de España – praza de América (As Travesas)

 

Accede aquí á galería de imaxes