Cunha participación do 90% e mobilizacións masivas, a folga xeral está a ser un éxito

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

Os datos de seguimento da folga xeral certifican o éxito da convocatoria, que foi seguida en Galiza, de media, por un 90% das traballadoras e traballadores. Os datos do consumo eléctrico rexistrado durante as primeiras horas do paro amosan que a demanda caeu un 8,15% con respecto ao mércores da semana pasada. Os datos de participación poñen de relevo o rexeitamento do conxunto dos traballadores/as galegos/as das políticas de recortes e austeridade e a petición, por parte da cidadanía, dun cambio de rumbo.

(información en desenvolvemento)

Os traballadores/as da quenda de noite apoiaron masivamente o paro nunha xornada que transcorreu con normalidade e sen máis incidentes destacables que os derivados de actuacións policiais, con situacións de intimidación e provocación aos piquetes informativos, así como varias cargas e detencións. Queremos denunciar así a actuación policial, que está a ser impresentable.

O seguimento da folga situouse en preto do 90% nas principais vilas e cidades, así como nas grandes empresas do sector industrial e de servizos.

A continuación acompañamos un cadro-resumo cos datos de participación por sectores.

Participación por sectores na folga xeral do 14N ás 9 h
SECTOR % DE PARO
Recollida do lixo e limpeza viaria 100
Transportes públicos 95
Portos e aeroportos de Galicia 95
Sector naval 100
Automoción 90
Construción 85
Sector agroalimentario 80
Conservas 80
Téxtil 80
Químicas 90
MEDIA GALICIA 90%

A cidadanía é consciente de que as políticas de axuste fracasaron, inducindo un estado de máxima gravidade na economía, na sociedade e na democracia. Os dirixentes políticos europeos, e de xeito singular os españois e os galegos, xeraron unha situación que é máis que inxusta; responde a unha conduta indecente porque provoca de forma programada a progresiva eliminación de dereitos do traballo, o empobrecemento masivo da poboación e o desmantelamento dos mecanismos e redes de protección social que esa mesma poboación paga cos seus impostos, é unha conduta repulsiva que está a ser contestada polos traballadores/as ao secundar masivamente unha folga que tamén tivo seguimento noutros países europeos.

Os traballadores/as deste país esixíronlle hoxe aos Gobernos español e galego un cambio radical nas súas políticas para que estas aposten polo crecemento económico, a creación de emprego, a restitución dos dereitos laborais eliminados pola reforma laboral, así como, dos servizos e prestacións públicas, e por unha ambiciosa reforma fiscal baseada na equidade e a suficiencia, para que as administracións dispoñan dos recursos necesarios que demandan as políticas públicas.