A CIG-Ensino valora moi positivamente o éxito desta folga xeral

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

A folga xeral está a ser moi maioritaria en todos os centros de ensino. Secundouna a maioría do profesorado e foi anecdótica a presenza do alumnado nos centros. Non houbo actividade docente e a folga afectou a todos os niveis educativos. O seguimento desta folga nos centros educativos está sendo dos máis altos que se teñen producido no ensino, superando o 80%.

“A folga amosou a disposición do profesorado a combater a política educativa do PP que se concreta no desmantelamento do ensino como servizo público universal, na súa privatización e no recorte permanente dos dereitos laborais e profesionais do profesorado”, explica o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao.

Así mesmo, o profesorado secundou maioritariamente a folga porque non está disposto a que cunha nova lei, a LOMCE, o Goberno do Estado mercantilice a educación e expulse da mesma ás clases populares. Unha contrareforma coa que o PP pretende españolizar o sistema educativo galego, liquidar a xestión democrática dos centros e recortar os dereitos laborais e profesionais do profesorado, desvalorizando, aínda máis, o seu traballo.

“A Consellaría de Educación ten que tomar nota de que o profesorado dixo basta xa a desconsideración do seu traballo, á destrución de emprego, aos recortes de profesorado nos centros, ao despedimento de miles de profesores, á eliminación da paga extra,  ao desmantelamento do ensino público, á agresión permanente ao traballo dos docentes e á privatización dos servizos públicos e outros recortes que está aplicando o Goberno do Partido Popular tanto en Galiza como no Estado”, engade Louzao.

Desde a CIG-Ensino denuncian unha vez máis o abuso dos servizos mínimos que impide que os traballadores das escolas unitarias non poidan exercer un dereito fundamental, como é o dereito á folga. Unha vez máis o TSXG fallou a favor dun recurso da CIG e obrigou á Xunta a suprimir os servizos mínimo decretados para o transporte escolar e de traballadores e na Universidade.