Seixo denuncia que se están a xerar “máis desigualdades para que os ricos sigan a acumular máis riqueza”

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

“Seguimos en recesión económica, o paro está acadando cifras históricas, seguen a pechar centos de empresas, a calidade dos servizos públicos empeora e están a ser privatizados, miles de persoas teñen perdido as súas vivendas e o empobrecemento afecta, cada día, a máis sectores da sociedade”. Así retratou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, na súa intervención ao remate da manifestación central desta xornada de folga xeral, en Vigo, a situación que estamos a padecer e fronte á que chamou a reaccionar, con “dignidade” porque “temos a firme vontade de saír dela cunha sociedade máis xusta, máis libre, máis solidaria, máis democrática e máis galega”.

Ante miles de persoas denunciou as políticas de axuste; de “recorte brutal” do investimento público en servizos básicos como o ensino, a saúde ou a asistencia social; de redución de salarios e de postos de traballo no ámbito do sector público; de sucesivas reformas laborais “dirixidas a abaratar e facilitar os despedimentos, rebaixar salarios e proporcionarlle man de obra barata e sen dereitos á patronal”.

Políticas que están a provocar, dixo, falta de crédito a autónomos e PEMES “condenando ao peche a miles delas”, a suba do IVE, a falta de apoio aos sectores básicos da nosa economía como o sector naval, da pesca ou do agro e que lembrou que a CIG vén denunciando porque “non son as medidas que precisamos para saír desta crise económica, e eles, (o PP e a UE) sábeno perfectamente”.

Apuntou que o obxectivo de todas estas políticas é “meternos a man na carteira para roubarnos parte do noso salario e dos nosos aforros”, co obxectivo de “facilitarlle ao capital privado que se faga co negocio das pensións, dos servizos e das empresas públicas” e axudarlle á banca a saír “do burato” no que se meteu “por andar a especular no negocio inmobiliario” e, ao tempo, “axudarlle, con fondos públicos, a recapitalizarse e seguir a repartir dividendos entre os seus accionistas”, alén de garantirlle á banca alemá que vai cobrar o que lle deben os bancos españois e o que ten investido en débeda pública”.

E denunciou, con especial contundencia, a pretensión do capital e “os gobernantes ao seu servizo” de facer pagar ao “pobo traballador” esta crise que “non provocamos”,  “perdendo dos nosos dereitos e da nosa calidade de vida”, mentres, asegurou, “os verdadeiros responsábeis desta crise, os banqueiros, os donos das grandes empresas multinacionais, os especuladores e os executivos ao seu servizo seguen incrementando os seus beneficios e o seu patrimonio particular”.

Hai alternativas!

Ante isto, proclamou que “si hai alternativas” e que as centrais sindicais veñen defendendo, desde o comezo da crise que se poñan en marcha. Entre outras sinalou que o BCE compre débeda pública directamente aos Estado, no canto de axudar á banca privada a especular con ela; que se faga unha profunda reforma fiscal, para que paguen máis os que máis teñen, en lugar de rebaixarlles impostos ao capital e ás grandes fortunas; que se adopten medidas firmes para combater a enorme fraude fiscal que cometen, fundamentalmente, a banca e as grandes empresas, en vez de promover amnistías fiscais; que se reduzan os gastos militares e se lle retiren as axudas á igrexa; a creación dunha banca pública para garantir que chega o crédito a autónomos, PEMES e familias ou que se apoie o tecido produtivo, porque “é o que realmente produce riqueza e postos de traballo e non ao capital especulativo, como se está a facer agora”

Denunciou que as medidas que se promoven desde o poder económico e político “están a arruinar a moitos Estados da periferia de Europa e a empobrecer a amplos sectores da sociedade”. Medidas que, subliñou, non son neutrais “nin ideoloxicamente, nin do punto de vista dos intereses de clase que defenden”.

Lembrou que estamos nunha loita de poder entre o capital financeiro especulativo e as clases traballadoras “na que se está a definir o modelo de sociedade que vai quedar despois da crise económica” e advertiu de que están en xogo desde a xustiza social, as liberdades públicas ou os dereitos sociais, até o dereito das nacións oprimidas a decidir libremente o seu futuro.

Deste xeito, concluíu, se gaña o poder económico a saída da crise será cunha sociedade “máis elitista, máis corrupta, máis inxusta, con menos dereitos, máis empobrecida e menos democrática”.

Por iso reclamou o dereito das galegas e galegos a decidir “libremente o futuro dos nosos sectores produtivos, da nosa cultura, do noso idioma ou o modelo económico e social máis acaído para xerar riqueza, emprego e benestar na nosa terra” e fixo un chamamento a seguir saíndo á rúa e “non caer na frustración e o desánimo”, conscientes de que “somos moitos máis que eles, mesmo máis que os que votaron a Feijóo”.