A folga e as manifestacións por comarcas

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

As galegas e galegos botáronse á rúa nesta xornada de folga xeral. Literalmente. En moitos casos as e os manifestantes quedaron colapsados, sen poder moverse atrás ou diante. Noutros, a cabeceira chegara ao punto de remate, cando a cola non saíra do punto de partida. Así as cidades e vilas galegas, que abriron o día sen actividade algunha, coas industrias e os comercios pechados, foron un fervedeiro humano a mediodía na que foi unha xornada de folga xeral que a CIG cualifica de éxito rotundo.

Vigo viviu a máis grande manifestación de Galiza, con 180.000 persoas colapsando a Gran Vía, desde a Praza de España, punto de saída, até a Praza de América, punto de chegada. Serafín Otero, secretario comarcal, sinala que xa se agardaba que a participación fora masiva, á vista do seguimento da folga, que cuantifica nun 85-90%, agás a administración.

Subliña a ausencia de conflitividade, tanto porque “a xente estaba moi mentalizada de que había que ir á folga”, como polo feito de que os piquetes apenas tiveron que actuar. “O comercio estaba practicamente todo pechado. Nin sequera houbo que facer esforzo algún nos piquetes nocturnos, porque os propios bares pecharon ás doce da noite e comprobamos como entre un 30 e un 40% dos estabelecementos xa tiñan colgado o cartel de pechado por folga”

Xunto a iso, sinala que tamén houbo cambios na concepción da manifestación respecto de convocatorias anteriores. As centrais sindicais acordaron saír, cada unha delas en manifestación desde os seus locais, para confluír na Praza de España onde estaba prevista a saída da mobilización conxunta. “Cando chegamos, a Praza xa estaba chea e, de feito, a manifestación quedou paralizada pola abrumadora participación”.

A Coruña encheu de manifestantes a Praza de María Pita

O Secretario comarcal da CIG da Coruña, Paulo Carril, aseguraba ao remate da manifestación que a desta xornada foi a manifestación obreira, e mesmo cidadá, máis multitudinaria vivida na cidade, rexistrando unha participación dunhas 125.000 persoas e dando así unha «resposta contundente e masiva» ás políticas antisociais e de recortes aplicadas polo PP. A escasos metros do Concello, Carril aseveraba que “hoxe negáronnos o balcón de María Pita, pero hoxe demostrámoslle que o gañamos a pulso enchendo esta praza”.

O responsábel comarcal avaliaba como un éxito non só o resultado da manifestación, senón tamén o seguimento da folga, pois a actividade dos polígonos ficou considerabelmente mermada, non se fixo a recollida do lixo, o porto e a lonxa estiveron parados, nas grandes empresas como Zara Loxística, Alcoa Inespal, Ferroatlántica ou a planta de Nostián a actividade foi mínima. Unha folga coa que a cidadanía demostrou a disposición a resistir e a loita contrar “o saqueo ao pobo que que significan as medidas dun goberno do PP submiso aos especuladores e aos banqueiros mentres aumenta a ruína do pobo galego e da clase traballadora”.

Seguimento de practicamente o 100% en Ferrol

En Ferrol, segundo explicaron os voceiros comarcais da CIG,  Manel Grandal e Xesús López Pintos, o seguimento do paro acadou practicamente o 100% e está paralizada tanto a industria como o transporte, a recollida de lixo, o pequeno comercio, a hostalería e mesmo grandes áreas comerciais como Alcampo amenceron coas portas pechadas. Incluso unha boa parte dos concellos da comarca tiña aprobado en pleno adherirse á convocatoria.

Unha folga que os responsábeis da CIG de Ferrol cualificaron de rotundo éxito, ao igual que a multitudinaria manifestación vivida na cidade, na que se participaron arredor de 100.000 persoas, e que xa se ten convertido na máis grande mobilización “que recorda Ferrol”. De feito, explicaban, “a xente quedou bloqueada” nas rúas adxacentes á Praza de Armas e moitas persoas aínda permanecían na saída cando a cabeceira xa estaba no remate. Para os voceiros comarcais da CIG o claro éxito na folga e nas manifestacións demostra que a cidadanía de Ferrolterra está tomando conciencia de que só a través da mobilización e a resposta social se poden mudar as actuais políticas impostas polo PP.

A praza da Quintana encheuse dúas veces

En Compostela calcúlase que se sumaron á manifestación unhas 40.000 persoas. Tal foi  así que a cola da marcha aínda estaba iniciando o percorrido pola zona nova da cidade, desde a Praza Roxa, cando a praza da Quintana xa estaba completamente ateigada. A marea humana foi tal que ao remate da primeira quenda de intervencións convidouse ás persoas que enchían a praza a saíren por un lateral para deixar entrar polo outro lateral ao resto de manifestantes.

Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela considera que con esta participación tan elevada demóstrase que “a xente non se conforma estritamente con depositar un voto cada catro anos, senón que quere participar e decidir, e hoxe así o fixo, máis alá dos atrancos que se puxeron en días anteriores”. Xunto a isto, entende que tamén se constatou que está farta das políticas de “falsa austeridade, que están servindo para seguir enriquecendo a uns poucos mentres a maioría da sociedade se empobrece”.

Respecto da folga, Noceda denuncia que a policía actuou como contra-piquete, vulnerando mesmo o dereito á información. “Dificultou o labor do piquete, que trataba de informar aos escasos traballadores que se dirixían nos seus vehículos particulares aos polígonos industriais”. De feito, pasadas as oito da mañá produciuse unha carga policial que rematou cunha persoa detida.

En Pontevedra houbo que cambiar o percorrido a media manifestación

Pola súa banda Rafael Iglesias, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, subliña que a de hoxe “foi unha das manifestación máis grandes que lembramos, mesmo maior que a do pasado 19 de xuño”. Durante o percorrido explica que houbo que desviar a manifestación para que se desatascara a praza da Ferrería, de onde non daban saído as arredor de 40.000 persoas que calculan que participaron.

Canto ao seguimento da folga, Iglesias sinala que foi moi ben nos polígonos industriais pero frouxa no sector da administración. Con todo, salienta a moito maior participación que se deu no sector servizos, onde practicamente o 100% do comercio e a maioría dos supermercados permaneceron pechados.

O secretario comarcal da CIG de Pontevedra asegura que se nota que “hai unha situación de moito rexeitamento ás políticas que está impoñendo o goberno, tanto polas consecuencias que teñen para as súas condicións de vida, como polo significan de recorte de servizos públicos esenciais como a sanidade e o ensino”.

A mobilización de Ourense marca un fito difícil de superar

“Nunha cidade de cativa mobilización como Ourense, a manifestación de hoxe marca un fito difícil de superar”. Así valorou Etelvino Blanco,secretario comarcal da CIG de Ourense, a manifestación deste mércores, na que segundo os cálculos máis baixos, participaron unhas 30.000 persoas.

Como no resto das cidades, foi imposíbel que parte das/os manifestantes escoitaran as intervencións, porque cando estas comezaron, na subdelegación do Goberno, a Rúa Progreso aínda estaba colapsada de xente. Blanco considera de especial relevancia que alén de ser unha manifestación de carácter laboral, tamén foi unha mobilización social, na que se contou coa participación de cidadáns de a pé, autónomos/as e comerciantes.

Respecto do seguimento da folga, considera que a xornada só se pode cualificar como “de éxito total”, xa que desde as primeiras horas a cidade estivo paralizada. “Ningún traballador do servizo de recollida de lixo foi traballar e o paro foi total no sector de panadarías”. Tamén parou o transporte urbano, para o que só funcionaron os mínimos ao igual que no servizo de taxis. Pararon as grandes obras de construción do AVE e todos os polígonos industrias (Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Barreiros) desde a primeira quenda.

O secretario comarcal da CIG de Ourense salienta a escasa actividade que tiveron os piquetes, dada a ausencia de mercadorías e de persoas, pero denuncia a desproporcionada actuación da Garda Civil, que pola súa actitude, actuando de contrapiquetes e enfrontándose aos propios piquetes, provocou problemas. De feito, asegura que houbo un momento no que estivo a piques de haber un percance serio cando efectivos deste corpo botaron aos piquetes do parque tecnolóxico e un dos gardas civís levou a man á pistola e mesmo quitou o seguro. “Pedimos a súa identificación, collemos o seu número de placa e pedimos responsabilidades á subdelegación do goberno porque se actuaron así foi porque tiñan directrices para facelo”. Para Blanco, o máis grave é que isto representa “unha auténtica volta atrás no dereito á información que ten un piquete”.

 A praza máis grande de Lugo non foi abondo

Con igual entusiasmo se amosaba o Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, ao aseverar que “hoxe os traballadores e traballadoras de Lugo deron unha lección de dignidade”, deixando ben claro que as maiorías electorais non coinciden coas maiorías sociais. Ferreiro subliñou a elevada participación na manifestación que, con máis de 12.000 asistentes, xa é a manifestación máis grande celebrada na cidade. “Escollemos a praza máis grande de Lugo e a pesar diso a metade da xente quedou fóra da mesma”.

No tocante ao seguimento da folga, Ferreiro tamén destacou o importante seguimento do paro, especialmente no Polígono do Ceao, onde boa parte das empresas están pechadas.

Gardas de seguridade privada nos supermercados do Salnés

No Salnés a folga tivo especial incidencia na Industria, no Ensino e na Sanidade. O peche do comercio foi segundo explica o responsábel da Unión Local, Xoán Xosé Bouzas “unha grata sorpresa, e non abriron nin as oficinas, nin mesmo as entidades bancarias”. Porén, salienta que non foi así na administración local e, sobre todo, na administración do estado onde afirma que a folga tivo unha cativa incidencia.

Ademais denuncia a actitude de supermercados como Gadis, que “moito din que vivamos como galegos e logo, non só abren nunha xornada de folga xeral, senón que mesmo contratan a gardas de seguridade privada para colocar nas portas uniformados e ameazantes, como se foramos delincuentes. Todo para a patronal garantir que se traballa porque si”. Xunto a Gadis, Bouzas denuncia tamén a actitude doutros supermercados como Mercadona, DIA ou Froiz.

A masiva participación na manifestación, na que se calcula que había unhas 12.000 persoas, provocou que a cabeceira chegar ao punto de remate antes de que saíra toda a xente desde o lugar de partida.

O sector da conserva vai á folga no Barbanza

Xan García, responsábel da Unión Local das Rías (Muros, Noia) asegura que houbo fábricas enteiras do sector da conserva que pecharon, como Calvo (Esteiro), Conservas Cortizo (Rianxo), Ignacio González Montes, onde traballan máis de 300 persoas ou Frinsa, onde traballan máis de 1.000.

O seguimento da folga foi importante aínda que en menor medida, no Polígono da Tomada (A Pobra), en empresas como Escurís, Comgalsa ou Sálica e en casos como Conservas Natural Lumar Seafood, quen secundou a folga foi o sector de produción.

Ao igual que no resto das comarcas, constatouse un paro masivo no Ensino, tanto en centros públicos como concertado e tivo relevancia no sector sanitario. Con todo, García salienta o apoio masivo do comercio á folga e o paro das confrarías de a flote e a pé, onde traballan 3.000 persoas.

Respecto da manifestación, tamén houbo unha grande participación, que cifran en 4.000 persoas, na que contaron co apoio da Plataforma contra os Desafiuzamentos, a plataforma de afectados polas Preferentes e á que tamén se sumaron o colectivo de avogados, xuíces e persoal de xustiza dos xulgados de Ribeira.

A participación na manifestación de Foz supera as previsións

Tampouco A Mariña lucense quedou allea a este éxito do paro xeral, e só funcionaron os servizos mínimos en Alcoa San Cibrao e as auxiliares, os portos de Celeiro e Burela están sen actividade, a conserveira pechada, non houbo reparto de material agrícola e unha parte importante do comercio, a banca e a hostalería de Ribadeo, Foz e Viveiro ficaron pechados, mentres que en San Cibrao pechou todo o comercio, segundo informou o Secretario da Unión Local, Xorxe Caldeiro. Así mesmo, as 3.500 persoas que participaron na manifestación do mediodía, superaron mesmo as previsións feitas polas organizacións sindicais.

Galerías de imaxes

Folga xeral 14-N. Manifestacións Vigo, Pontevedra e Vilagarcía

Folga xeral 14-N. Manifestacións A Coruña, Ferrol, Compostela e Ribeira

Folga Xeral 14-N. Manifestacións Ourense, Lugo, Burela e Monforte