O medio millón que saiu hoxe ás rúas galegas ratificou o éxito do 14-N

14/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

Máis de 500.000 persoas mobilizáronse hoxe coa CIG, CCOO e UGT en diferentes manifestacións polas principais vilas e cidades de Galiza. Para as organizacións sindicais, trátase do colofón a un “día histórico”, pois a folga xeral que convocaron as tres organizacións acadou un seguimento do 90%. Vigo acolleu o acto central, no que participaron os secretarios xerais da CIG, Suso Seixo, UGT-Galicia, José Antonio Gómez e do S.N. de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez. Na cidade olívica foron máis de 180.000 as persoas que saíron as rúas convocadas polos tres sindicatos maioritarios.

As traballadoras e traballadores galegos percorreron as rúas de A Coruña, Ferrol, Santiago, Ribeira, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vigo e Arousa baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai culpables. Hai solucións”. Pola tarde farano tamén en Monforte de Lemos.

Vigo acolleu o acto central, no que participaron os secretarios xerais da da CIG, Suso Seixo, UGT-Galicia, José Antonio Gómez e do S.N. de CCOO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez. Na cidade olívica foron máis de 180.000 as persoas que saíron as rúas convocadas polos tres sindicatos.

No caso da Coruña, máis de 125.000 persoas participaron na manifestación convocada polos tres sindicatos maioritarios, mentres que en Ferrol a mobilización congregou a uns 100.000 manifestantes. Santiago e Pontevedra tamén acolleron as marchas multitudinarias, con máis de 40.000 persoas nas rúas de cada unha das cidades. A clase traballadora de Ourense tamén deu unha importante resposta con máis de 30.000 manifestantes. Lugo e Vilagarcía con 12.000, Ribeira con 4.000 e A Mariña con 3.500 tamén rexistraron unha alta participación.

Día histórico

Desde as tres organizacións salientan que se trata dun “día histórico” grazas a unha participación na folga xeral do 90%. A convocatoria tivo un especial seguimento en sectores como recollida de lixo e limpeza viaria, transportes públicos, portos e aeroportos, sector naval, automoción ou comercio e hostalaría.

O éxito da folga non é mérito dos sindicatos convocantes, senón dos traballadores e traballadoras que fixeron súa a proposta UGT, CCOO e CIG. O traballo sindical realizado, a través dunha ampla campaña informativa e o traballo empresa a empresa, da un resultado que se reflicte no seguimento que tivo a folga tanto a nivel xeral como naquelas empresas galegas que se atopan nestes momentos nunha situación delicada.

Este é o caso de firmas tan significativas como PSA-Vigo, Santa Bárbara, Megasa, Navantia, Factoría Naval de Marín, Ferroatlántica, Televés, Castrosúa, Maessa, Estrugasa, Alcoa, Galfor, Crown Cork Ibérica, Faurecia, GKN-Indugasa, Maderas Iglesias, Viza Automoción, Frinsa, Dalphi Metal, Rodman-Polyships, Frinova, Begano, Conservas Calvo, ENCE, Gamesa Eólica, Zara Loxística, Pull&Bear ou Indipunt, entre outras.

Esixencias

Esiximos aos Gobernos español e galego un cambio radical nas súas políticas para que estas aposten polo crecemento económico, a creación de emprego, a restitución dos dereitos laborais eliminados pola reforma laboral, así como, dos servizos e prestacións públicas.

Incidimos en que a forza de sementar a austeridade, recóllese recesión, aumento da pobreza e angustia social. Este non é o camiño e así llo dixo hoxe a cidadanía aos Gobernos español e galego. Débense tomar solucións de xeito urxente para relanzar a economía e non asfixiar coa austeridade. Se non escoitan a cólera dos que se manifestan nas rúas, os dirixentes equivócanse.

A urxencia é o emprego, a xustiza social e fiscal e deixar de atacar os salarios, a protección social e os servizos públicos. Apostamos por empregos de calidade e unha solidariedade económica. Hai que mudar de rumbo sen demora cara a un novo sistema económico e social máis xusto e solidario.

Os tres sindicatos advirten que este 14-N terá continuidade cunha mobilización sostida no tempo porque, do contrario, teremos máis problemas e unha maior deterioración social.

Galería de imaxes de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía

Galería de imaxes de Ourense, Lugo, Burela e Monforte

Galería de imaxes da Coruña, Ferrol, Compostela e Ribeira