Vigo acollerá a manifa principal das once convocadas para o 14-N

12/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

A cidade de Vigo é o escenario escollido pola CIG para celebrar a manifestación central das once convocadas por toda Galiza coincidindo coa xornada de folga xeral do vindeiro mércores 14 de novembro. Tal e como adiantaron hoxe os secretarios comarcais da CIG, CCOO e UGT en rolda de prensa, a marcha conxunta partirá da Praza dos Cabalos ás 11.30 horas para rematar en Praza América. Ademais, haberá mobilizacións en Pontevedra, Lugo, A Coruña, Ourense, Santiago, Ferrol, Vilagarcía, Burela, Ribeira e Monforte.

Os máximos/as responsábeis das tres centrais maioritarias da comarca viguesa compareceron hoxe diante dos medios de comunicación para ofrecer os detalles dunha mobilización que estrea percorrido ante a previsión dunha asistencia masiva. Deste xeito, a marcha partirá da Praza de España e percorrerá a Gran Vía até Praza América, emprazamento cun aforo moi superior aos lugares escollidos tradicionalmente para rematar as manifestacións na cidade.

Ao mesmo tempo, cada un dos sindicatos ten convocadas marchas dende os seus locais até a Praza dos Cabalos antes do inicio da mobilización. De igual xeito, os piquetes informativos de cada central que percorreran as rúas da cidade na xornada de folga tamén estarán coordinados, repartíndose as distintas zonas. As convocatorias están fixadas para a media noite do día 13 no local da CIG e ás 17.00 horas do día 14 na farola de Urzaiz.

Ademais da marcha principal de Vigo, na que participará o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, dez manifestacións percorrerán as rúas das cidades e vilas galegas na xornada de folga xeral prevista para este mércores 14 de novembro. Mobilizacións coas que se quere denunciar a pretensión do capital de precarizar aínda máis as condicións laborais e de vida de traballadoras e traballadores, reducindo até nun 25% os seus salarios, e esixir un cambio nas políticas económicas decretadas polo goberno. Políticas que están a provocar unha maior contracción da economía, a parálise dos sectores produtivos, a destrución de emprego, a demolición dos servizos públicos esenciais e a súa progresiva privatización.

 

Horarios e lugares de saída e remate das manifestacións:

-Vigo: ás 11:30 horas, desde a Praza de España, até a Praza de América.

-Pontevedra: ás 12:30 h, desde a Praza da Ferrería, até a Subdelegación do Goberno.

-Vilagarcía: ás 12:00 horas, desde a Casa do Mar até a Praza Ravella

-Ourense: ás 12:00 horas, desde o Pavillón dos Remedios até a Subdelegación do Goberno.

-Compostela: ás 12:00 h, desde a Praza Roxa até a Praza de Praterías.

-Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.

-A Coruña: ás 12:00 horas, desde a Praza da Palloza até a Praza de María Pita.

-Ferrol: ás 12:00 horas, desde a Praza do Inferniño até a Praza de Armas.

-Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello

-Riberia: ás 12:00 horas, desde a Estación de Autobuses até a Praza do Concello.

-Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.