Acordo histórico dos servizos mínimos na CRTVG entre empresa e comité de empresa

09/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

O comité de empresa e a CRTVG chegaban este xoves a un acordo “histórico” de servizos mínimos que permitirá que, por vez primeira, se visualice nos medios públicos galegos o seguimento dunha folga xeral por parte do seu persoal. A raíz deste acordo, este venres a administración convocaba novamente a representantes sindicais do sector público para intentar desbloquear unha negociación que todas as partes deran xa por rematada e que non deu froito ningún por mor do inmobilismo da Xunta. O mesmo ocorría na mesa de negociación do SERGAS, onde se impuxeron uns mínimos abusivos, superiores aos de fin de semana.

No acordo acadado na CRTVG considéranse mínimos a produción e emisión/retransmisión na TVG, na RTG e nos medios interactivos dos programas informativos, limitándose a inclusión de noticias ou informacións que sexa de actualidade e teñan a inmediatez necesaria para garantir o cumprimento do dereito á información da comunidade.

O persoal, non poderá superar o 15% do promedio e os programas informativos terán unha duración de 20 minutos, incluíndo a información meteorolóxica. A información sobre a folga comezará ás 00:00 horas do 14 de novembro, coincidindo co seu incio pasarase unha sobreimpresión na pantalla co texto: “TVG, RTG e CRTVG.es poderían emitir hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga”. Esa mesma sobreimpresión pasará ao principio e ao final de cada programa alternativo, un minuto.
Respecto dos medios interactivos, aparecerá un banner permanente na páxina de incio e en zona visíbel.No caso da Radio galega, emitirase unha locución co texto “TVG, RTG e CRTVG.es están emitindo hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga xeral”.

Ademais especifícase, no acordo asinado, que o persoal en servizos mínimos só está obrigado a levar a cabo as tarefas vinculadas aos servizos esenciais para os que foron asignados.

Xunto a iso, estabelécense como mínimos as declaracións ou comunicacións oficiais de interese público esencial que se programen ou xurdan no día da convocatoria de folga e a emisión da programación alternativa pactada. Considerarase como tal a redifusión de películas, documentais ou programas emitidos previamente e a emisión dos programas “Era Visto” e “Larpeiros”, gravados con anterioridade á xornada de folga. Alén diso, a programación redifundida será identificada como “redifusión”.

Falta de acordo no SERGAS

Fronte a isto, non se chegou a un acordo na xuntanza mantida hoxe en Sanidade. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, explica que o SERGAS impuxo uns servizos mínimos que superan a presenza de traballadores/as nun domingo ou festivo. “Entendemos que en domingos e festivos xa está estabelecido un cadro de persoal que garante a asistencia preferente e urxente durante as 24 horas do día. Tamén é verdade que cada día se reducen máis os cadros de persoal e, se cadra, a administración decreta estes mínimos porque o persoal é insuficiente tamén en fin de semana”.

Ante isto, Abuín afirma que “o que tiña que facer a administración, nestas especialidades deficitarias, era pór o mesmo cadro de persoal que se establece nos servizos mínimos”.

Tampouco foi posíbel acadar acordo na xuntanza mantida entre administración e organizacións sindicais. Unha negociación que o propio conselleiro de Presidencia daba xa por rematada e que a CIG anunciou que recorrería. María Carme López Santamariña explica que alén da novidade do acordo na CRTVG e de incluír no decreto de mínimos a retirada do persoal de bibliotecas nas universidades non se tivo en conta ningunha das demandas da central sindical, que deste xeito mantén a súa decisión de presentar o recurso.