O Concello de Compostela tenta impedir de novo a difusión da folga xeral

09/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

A CIG de Compostela interpuxo, unha vez máis, recurso contencioso-administrativo polo procedemento especial para a protección de dereitos fundamentais, tras da denegación do concello de Santiago de realizar publicidade, por medio de megafonía, da convocatoria de manifestación que, con motivo da folga xeral do vindeiro 14 de novembro, se convoca, ás 12:00 da mañá dese mesmo día. No recurso, a CIG denuncia ademais a exixencia de 1.200 euros, en concepto de fianza, por colocar dúas pancartas anunciando a convocatoria.

A CIG considera un despropósito ter que recorrer a instancias xudiciais, por quinta vez en apenas dous anos, para que o concello permita publicitar as mobilizacións e que, por quinta vez consecutiva, esta sexa autorizada polo xulgado. Esta forma de actuar do PP denota, para a CIG unha clara actitude “antidemocrática, antisindical e contraria a dereito, xa que se evidencia a pretensión deste partido político de dificultar o exercicio dun dereito fundamental, como é o de manifestación, que non poden impedir, pero si intentan minimizar”.

A central sindical mesmo se puxo en contacto co concello para intentar explicar o erro que estaban cometendo, toda vez que, en ocasións anteriores, fora autorizado polo xulgado. De feito, remitíronse por fax todos os autos, coa fin de que subsanara esta resolución malia o que, o concello mantivo a denegación.

No recurso considérase que se vulnera o dereito á liberdade de expresión e manifestación porque “a publicidade dun acto de manifestación, constitúe un cauce para o desenvolvemento do principio democrático participativo, cuxa promoción lle atribúe a Constitución aos poderes públicos no seu artigo 9.2”

A CIG considera que a actuación da administración non só vulnera o ordenamento xurídico porque “incumpre un deber de promoción da participación democrática cidadá”, senón tamén porque “limita o dereito á manifestación e liberdade de expresión”.

Ante isto, o xulgado do contencioso-administrativo de Compostela, autoriza a publicidade megafónica durante os días 9 e 14 de novembro e fixa unha comparecencia das partes, xunto co ministerio fiscal para o vindeiro luns, para que presenten alegacións para o mantemento, levantamento ou modificación da medida adoptada.