Novos pronunciamentos en prol da folga xeral

12/11/2012 por     Publicado en: Folga do 14/11/12

Foro Galego da Inmigración e xuntas de persoal da área sanitaria de Ferrol e do concello de Compostela chaman a secundar o paro xeral do 14-N

O Foro Galego de Inmigración, formado por asociacións e entidades de inmigrantes ou que prestan os seus servizos a estes colectivo de Galiza, vén de remitir un comunicado no que fai un chamamento a secundar a convocatoria de folga xeral do 14 de novembro. O Foro alerta do proceso de criminalización que sofre este colectivo e considera que, desta volta, hai máis razóns que nunca para ir á folga, logo de que se aprobara denegar o seu acceso á sanidade pública ás persoas que se atopan en situación irregular.

Comunicado

O Foro Galego de Inmigración chama a secundar a jornada de greve geral convocada para o vindeiro 14 de novembro amoçando o seu pleno rejeitamento fronte ás políticas que recortam direitos laborais e sociais, elitizam o aceso aos serviços básicos e potenciam discriminaçons e exclusons.

Desta vez, as pessoas imigrantes contam com mais raçons ca nunca para sumar-se á mobilizaçom, tras a aprobaçom do Real Decreto 16/2012 que nega o aceso á sanidade pública das que se atopam em situaçom irregular.

Desde o Foro Galego de Inmigración consideramos mui grave a restriçom dum direito fundamental e desconfiamos da instruçom administrativa “parche” com a que a Consellería de Sanidade pretende sortear temporalmente o Decreto estatal.

Em relaçom com esta instruçom da Consellería (Programa Galego de protección da Saúde Pública), o Foro deseja denunciar o seu carácter eleitoralista, excepcional e temporal, ademais de pôr em questionamento que haje um interesse real por parte do SERGAS na sua viabilidade e operatividade.

Assi mesmo, desde o Foro Galego de Inmigración entendemos que existe un processo de criminalizaçom da povoaçom migrante, que se manifesta tanto no giro da política de estrangeiraria cara o endurecimento nas condiçons de solicitude e renovaçom de residencia, como na escalada repressiva e de acosso intimidatório cara os e as sem papeis.

Para o Foro Galego de Inmigración, o conjunto de medidas adotadas por Governo central e Xunta de Galicia estam dirigidas á conservaçom duns privilégios de classe duns poucos, em tanto o custe da crise sistêmica se lhe cobra á grande maioria, reduzindo e empobrecendo as vidas dos segmentos sociais com maior risco de marginaçom. Com o apoio á greve geral do vindeiro 14n, demandamos a fim destas políticas que afundando nas desigualdades conduzem cara um novo modelo socioeconômico profundamente injusto e insostível”.

Xunta de Persoal e Comité de Empresa do concello de Santiago acordan secundar a folga xeral

A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa, órganos de representación do persoal funcionario e laboral do concello de Santiago, acordaron, por unanimidade, secundar a folga xeral e facer un chamamento a todo o persoal municipal para que secunden e apoien a convocatoria, pechando os servizos municipais e limitándose a cumprir os servizos mínimos estabelecidos no Acordo Regulador-Convenio Colectivo do concello.

Pronunciamento da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol en apoio á Folga Xeral

A Xunta de Persoal da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol en sesión extraordinaria aprobou un texto de apoio á Folga Xeral deste mércores 14 de novembro, no que amosan o rexeitamento á reforma laboral, ás políticas antisociais e ás medidas económicas e fiscais aplicadas que “castigan á maioría social”.

Pronunciamento público de apoio à FOLGA XERAL do día 14 de novembro de 2012:

O obxectivo da Folga Xeral é mostrar o rexeitamento da clase traballadora ás reformas en materia de lexislación laboral, políticas sociais, económicas e orzamentarias.

1º) Oposición á reforma da lexislación laboral, que provocou un retroceso sen precedentes nos dereitos dos traballadores e traballadoras, tanto no plano individual como no colectivo.

2º) Oposición ás políticas antisociais, chamadas de austeridade, que poñen en perigo os fundamentos do Estado Social: educación, sanidade e servizos públicos.

3º) Oposición ás medidas económicas e fiscais que están a agravar a crise, incrementando o desemprego, a pobreza e a exclusión social.

4º) Oposición a que se siga castigando á maioría da sociedade e pondo en perigo as pensións públicas, sendo a grande sacrificada a cidadanía menos podente, mentres as elites económicas financeiras se salvan da crise e incluso sacan beneficio dela.

A Clase traballadora non pode permanecer calada nin queda diante desta situación, é por iso, que A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol quere amosar publicamente o seu apoio à convocatoria de Folga Xeral convocada para o vindeiro mércores14 de novembro de 2012.

Así mesmo, queremos facer un chamamento ao conxunto dos traballadores e traballadoras para que participen activamente nesta xornada de folga xeral e acudindo ás manifestacións convocadas para esa data.