Folga do 14-N

FOLGA XERAL O 14 DE NOVEMBRO
CONTRA A EXPLOTACIÓN E O EMPOBRECEMENTO
POR UNHA GALIZA SOBERANA CON FUTURO

Non temos outro camiño como pobo e como clase traballadora. A folga xeral debe mostrar a nosa disposición de resistencia e de loita contra este saqueo. O goberno español do PP decidiu arrasar os nosos dereitos, destruír millóns de empregos, causar pobreza, marxinalidade, deixarnos sen futuro. Todo para alimentar unha grande estafa. Temos que pagar nós a enorme fraude fiscal das grandes empresas, a débeda dos bancos privados e as retribucións multimillonarias dos seus executivos.

Nun ano de goberno e 6 meses da reforma laboral que dicían era para crear emprego, o Partido Popular sumou un millón de parados e paradas, facendo aquelo que dixera que nunca faría e mentindo sen reparos. Subiu o IVE e o IRPF, reduciu a prestación de desemprego, a asistencial para maiores de 52 anos e as indemnizacións do FOGASA. Reduciu as prestacións sanitarias, a calidade do ensino e subiu as taxas universitarias aos fillos e fillas da clase traballadora, xunto á perda de salario e dereitos aos empregados/as públicos, etc.

Pero o ataque máis brutal contra os nosos dereitos está a ser a reforma laboral, contestada cunha folga xeral en marzo. Dixémolo entón e lembrámolo agora: esta reforma está pensada para baixar os salarios, traballar máis horas e poder despedir masivamente de xeito barato sen dereitos nen garantías para a clase traballadora.

O problema máis grave está por vir. Os convenios están parados, as patronais non negocian porque saben que en 7 meses os convenios perderán a súa vixencia por efectos desta reforma. De súpeto desparecerán centos de convenios colectivos e perderemos todos os nosos dereitos logrados en máis de 30 anos de loita sindical. Os salarios poderán baixar ao SMI (640€), a regulación da xornada laboral, licenzas, vacacións, contratacións, absolutamente todo desaparecerá para regularse no mínimo do Estatuto dos Traballadores. NON IMOS PERMITILO.

O Partido Popular está a destruír todo. En Galiza quedamos sen industria e as nosas cifras de desemprego serían moito máis elevadas de se contabilizaren os miles de homes e mulleres que marchan fóra da terra, máis de 30 mil só no ano pasado. No que vai de ano, máis de 4.500 persoas perderon as súas vivendas ou os seus negocios en Galiza. Estánnos a roubar o presente e non teremos futuro se seguen a decidir por nós. Necesitamos soberanía política, gobernar nós a nosa terra.

Sabemos que agora entre outras medidas recortarán novamente as pensións, o desemprego e as indemnizacións do FOGASA. Lembra que todas estas reformas se están a facer nos estados de Europa que sempre tivemos os salarios máis baixos e máis precariedade, pero nunca fomos máis competitivos e sempre tivemos máis desemprego. Por esta razón, a folga faise tamén en Portugal, Italia, Chipre e Malta, cunha xornada de loita en toda Europa. Paremos este saqueo!