14 folgas xerais

A do 14 de novembro será a 14ª Folga Xeral en Galiza dende a queda da dictadura franquista. A primeira realizouse en febreiro de 1984, e foi precedida nos anos 1978 e 1979 polas xornadas de loita, nas que se combinaban paros parciais, asembleas e manifestacións

1ª Folga Xeral
Convocada só pola INTG

1984, 14 de febreiro. Paro contra a reconversión naval. Só en Galiza.

Sobre esta folga dicía “A Nosa Terra”: “Deixando a un lado Vigo (onde CCOO e UGT tamén tiñan convocado un paro local, polo que estaba garantido o éxito previamente) a folga tivo unha gran incidencia en Ourense, onde o paro foi moi grande. Tamén houbo paros considerábeis noutras cidades como Coruña, Pontevedra e Lugo. Pero a repercusión non foi só nas grandes cidades, senón que vilas como Allariz, Xinzo, Fene, As Pontes, Viveiro, Vilagarcía, Muros, Carballo, A Estrada e moitas outras tamén viron a súa actividade paralizada en parte. Destacar ademais o paro no ensino, paro que en moitos casos era imposto polos alunos. Neste sector destaca Santiago, onde o paro foi total na Universidade. En diversas localidades realizáronse manifestacións, destacando as de Fene, Ferrol, Cangas, Moaña… A folga xeral en Galiza foi totalmente silenciada polos meios informativos… A convocatoria foi feita pola INTG e apoiada polas forzas presentes no BNG, así como por MCG, GC e CNT.

“Ourense capital estivo paralisada dende as primeiras horas da mañá cerrando todos os establecementos comerciais. Tamén pararon en Facenda, Concello e Deputación. O paro foi medrando, a media mañá estaba totalmente paralisado o Polígono de San Cibrán e diversas empresas das aforas”.

“Na Coruña capital pararon a meirande parte das empresas da construcción que traballan nos distintos polígonos. Tamén realizaron asembleas e paros no obradoiro do porto… pola tarde houbo unha manifestación na que participaron 2.000 persoas (…) Vilagarcía quedou totalmente paralisada pola tarde (…) o paro foi case que total pola tardiña en Pontevedra, onde se realizou unha manifestación (…) en Lugo tivo incidencia no sector da construcción. A primeira hora da mañá tamén pararon bancos e administración…”.

2ª Folga Xeral
Paro total e belixerancia do PSOE

1984, 12 de xullo. Convocada pola INTG e máis CCOO. Paro contra a política económica do governo. Só en Galiza.

Segundo “A Nosa Terra”: “Se hai algo que comentar da folga xeral do 12 de xullo, ademais da paralización total de Galiza, é, sen dúbida de ningunha clase, a belixerancia do PSOE, pero aínda máis da UGT, coa folga… Esta folga non era apoiada pola patronal, nen polos partidos de direitas… Pésie a todos os atrancos, a folga xeral chegou a Galiza e callou de forma total. Xa non foi só o sector naval, nen as cabeceiras industrializadas; foi toda Galiza en folga por vez primeira na historia… Pero esta folga tivo outro significado, o de folga nacional galega…”.

O “Eixo” Salientaba: Vigo: paro total… Porriño e val Miñor, paro total a nivel de industria e comercio, manifestación en Porriño de 500 persoas… Morrazo, paro total, manifestación en Cangas de 600 persoas… Pontevedra, folga na industria, comercio e servizos, manifestación de 500 persoas… Salnés, paro total en Vilagarcía, O Grove e Cambados, manifestación en Vilagarcía de 450 persoas…

Coruña, paro practicamente total, manifestación de 15.000 persoas, houbo 5 detidos, catro deles da INTG… Carballo, paro no transporte e comercio… Betanzos, paro total, manifestación 300 persoas… Ferrol, paro absoluto, manifestación de 15.000 persoas. As Pontes, paro no comercio, paralizouse a mina de Endesa… Compostela, paro total comercio e transporte, manifestación de 3.000 persoas… Barbanza, paro case total en Rianxo e Ribeira, non houbo lonxas… Noia, paro total… Muros, Cee, Corcubión, Carnota, paro total do comercio e servizos… Melide, parou o comercio…

Lugo, a capital parou totalmente, manifestación 500 persoas. Tamén houbo folga en Guntín, Palas de Rei, Vilalba, Meira, Monterroso, Becerreá, Pedrafita… A Mariña, parou totalmente: Ribadeo, Barreiros, Mondoñedo, Foz, Burela, Alumina-Aluminio e Viveiro… Monforte, paro total…

Ourense, parou o polígono industrial agás Citroen, manifestación de 1.000 persoas… Tamén pararon Allariz, Carballiño, Celanova e o Barco… En O Barco houbo unha manifestación de 300 persoas, no Carballiño unha concentración de 300 persoas e en Allariz de 100 persoas…

A respeito da manifestación en Vigo “La Voz de Galicia” comentaba no anuario “Os cálculos máis fiábeis apontan a que foron 50.000 as persoas que se axuntaron na manifestación de Vigo e arrededor de 100.000 as que se mobilizaron en toda Galiza ese día. O número de obreiros e empregados doutro sectores productivos e de servizos que, por unhas razóns ou outras, permaneceron inactivos ese día foi moi superior”.

3ª Folga Xeral
Protagonismo das FOP

1984, 29 de novembro. Convocada pola INTG e máis CCOO, co apoio do SLG. Pola creación de emprego. Só en Galiza.

Sobre esta folga dicía “A Nosa Terra”: “A terceira folga xeral celebrada en Galiza no que vai do ano tivo como protagonista a represión das FOP que actuaron en moitos casos, segundo as centrais sindicais convocantes, como auténticos contrapiquetes. Unha folga xeral que deu un cambio cualitativo importante ao imbricar nela de maneira máis relevante que nas anteriores ao sector labrego, que se encargou de paralizar unha boa parte das provincias de Ourense e Lugo. Outro aspecto importante, que se intentou de furtar, tanto antes como despois do 29, foi o contido nacional da protesta (…) A folga xeral do 29 foi unha mobilización eminentemente política pois é a primeira vez que se vincula globalmente a loita de clases e a liberación nacional…”.

“…A insistencia en afirmar o fracaso da folga en vilas que non fosen Ferrol e Vigo querendo deste xeito deixala nunha simple protesta do sector naval. Parece que había instruccións claras de restarlle o carácter nacional galego á folga; doutra maneira non se comprende que sete xornais galegos tivesen titular semellante, resaltando o escaso eco da folga, agás en Vigo e Ferrol. A contradicción chegaba cando un lía as informacións e ollaba as repercusións da folga en case todas as vilas importantes de Galiza. Chámanlle escaso eco a que se paralice As Pontes, Betanzos, Melide, Ordes, Padrón, Noia, Muros, Ribeira, Corcubión… na Coruña, ou a Monforte, Chantada, Sarria, Vilalba, Viveiro, Ribadeo, Bóveda, Rubían… en Lugo; Verín, Allariz, O Carballiño, Xinzo… en Ourense; O Porriño,, o Val Miñor, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Cambados… en Pontevedra. Isto era o que afirmaban os xornais…”.

“Os dados dos convocantes son 200.000 manifestantes en Vigo, 30.000 en Ferrol, 7.000 en Coruña, 4.000 en Compostela, 2.500 en Lugo, 2.000 en Ourense, 500 en Pontevedra, 300 en Ribeira e 200 en Vilagarcía”.

“…Na manifestación de Vigo, a policía municipal deu nun primeiro momento 80.000, a alguén lle debeu parecer moito e rebaixaron a 33.600… a TVE de G e a TVE no telexornal deron dúas versións, unha 50.000 e a outra 80.000…”.

4ª Folga Xeral
Resultado desigual

1985, 20 de xuño. Paro contra a reforma das pensións. En todo o Estado.

O semanario “A Nosa Terra” facía a seguinte análise do paro: “Vigo e Ferrol estiveron totalmente paralizadas durante a folga que tivo lugar o día 20 en todo o Estado, como protesta pola reforma da Seguridade Social. O paro no resto de Galiza foi moito menor, destacando a presencia policial en Ourense e o “secado” aos piquetes en Pontevedra. En Lugo este papel cumpriuno a policía municipal…”.

“As manifestacións celebradas tiveron menor participación que noutras ocasións e os incidentes rexistrados foron mínimos; en Vigo foron detidos 10 traballadores e outro traballador máis en Arousa… Precisamente na cidade viguesa foi onde se rexistraron os meirandes incidentes desta xornada de folga, ao deter a nove persoas fronte ás portas da factoría Citroen. Outro obreiro máis sería arrestado nas proximidades do Corte Inglés, armacens que contaron cunha gran protección policial, conxuntamente con Alcampo, o que lles permitiu abrir as portas”.

“Os sectores máis influídos pola folga xeral do día 20 foron o transporte e as grandes empresas…”.

“A manifestación desta cidade (Vigo) foi a meirande das celebradas en Galiza congregando, segundo a policía, a unhas 10.000 persoas…”.

“Resaltar tamén nesta xornada os ataques da UGT á folga, por máis que se viña manifestando contra a reforma das pensións, así como os ataques en Vigo á INTG por ‘sectaria’ ao non acudir ás manifestacións…”.

5ª Folga Xeral
Éxito das dúas convocatorias

1988, 14 de decembro. Dúas convocatorias distintas, CXTG e INTG por unha banda e CCOO e UGT por outra. Paro polo Plano de Emprego Xuvenil. En todo o Estado.

“A Nosa Terra” realiza a seguinte valoración sobre as distintas convocatorias: “De éxito sen paliativos pódese calificar o resultado da Folga Xeral realizada o 14-d a todo o longo do territorio estatal, amosándose así o fin da marxe de confianza outorgada ao PSOE tras seis anos de governo. Os traballadores recuperaron o protagonismo perdido logo da transición. Da xusta protesta polo deterioro da situación económica de amplas capas de povoación só cabe lamentar a discriminación que os sindicatos estatais trataron de infrixir á problemática e mesmo ás organizacións propias de Galiza. Ao final a capacidade mobilizadora de CXTG e INTG, que sorprendeu ás mesmas centrais convocantes, deixou entrever cara onde se encamiñan os ritmos políticos no noso pais”.

“Os sindicatos nacionalistas procuraron unha unidade de acción cos estatais que estes rexeitaron ao pretender ler un comunicado ao final das manifestacións un comunicado elaborado en Madrid, aínda que o que lesen logo fose elaborado eiqui con notábeis referencias a Galiza… os sindicatos nacionalistas encontrábanse contracorrente para mobilizar… aínda así demostraron unha capacidade superior non só ás circunstancias senón aos cálculos máis optimistas…”.

O semanario galego da as seguintes cifras sobre o numero de manifestantes. Vigo, CXTG-INTG 4.000 persoas e CCOO e UGT 13.000; Pontevedra, CXTG-INTG 1.200 e CCOO e UGT 1.000; Lugo unha manifestación unitaria con 2.000 asistentes; As Pontes 2.000 persoas na mobilización da CXTG-INTG. A Coruña, 4.000 persoas na manifestación de CCOO e UGT e 2.000 na da INTG-CXTG.

O periódico da CXTG-CIG Adiante destaca que “O sindicalismo nacionalista demostrou, neste día histórico do 14 de decembro de 1988, a súa importante capacidade de convocatoria, que superou, con moito, calquera outra producida anteriormente. Xa no día 12 máis de 1.200 delegados, membros de Comités de Empresa e Xuntas de Persoal, convocados polos sindicatos galegos -CXTG e INTG- manifestáronse nas cidades de Vigo, Compostela, Coruña, Lugo e Ourense…”.

Pola súa banda o Eixo, voceiro da INTG-CIG reproducía un manifesto da CIG no que se dicía entre outras cousas “Coa folga xeral esiximos que o governo poña en marcha medidas concretas de apoio a integración da mocidade. Esiximos formación profesional eficaz e útil, e emprego digno para os xovens (…) CXTG e INTG declarámonos partidarios da máis ampla unidade dos sindicatos cara a que a folga sexa un éxito. Temos acordado convocar aos sindicatos estatais CCOO e UGT para facer realidade esta unidade. Pero se eses sindicatos renuncian á unidade en Galiza por sectarismo, non dubidaremos en seguir adiante xuntos, con todas as consecuencias”.

6ª Folga Xeral
Unha folga total

1992, 2 de abril. Convocada pola CIG, CCOO, UGT, SLG, UUAA e USAG. Paro en defensa dos sectores Productivos. Só en Galiza.

Co titulo de “A maioría dos galegos desouviron as chamadas de PP e PSOE en contra da folga” o semanario “A Nosa Terra” fai a seguinte valoración da folga: “Todos os sectores productivos, así como as distintas comarcas, secundaron a folga xeral na que por primeira vez desde o franquismo, participaron conxuntamente os sindicatos operarios e os labregos. PP e PSOE, así como unha indecisa CG (Coalición Galega) non apoiaron esta convocatoria que o povo tamén respaldou saíndo á rúa nas principais vilas e cidades. En Vigo a manifestación foi considerada das máis grandes da historia”.

Pola súa banda o “Atlántico Diario” dicía en titulares “250.000 galegos participaron nas mobilizacións por Galiza”. Engadía a continuación: “Baixo o lema ‘Todos por Galiza’ en resposta á crise industrial, agraria e maritimo-pesqueira celebráronse en Galiza once manifestacións que reuniron a unhas 250.000 persoas. Porén o paro laboral foi case que absoluto e perto de un millón de galegos secundaron a folga xeral convocada polos sindicatos e organizacións agrarias. As manifestacións tiveron lugar en Vigo, Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Monforte, Compostela, O Barco e Burela.

Pola súa parte “El Correo Gallego” salientaba nas súas páxinas, en titulares, ademais de que era a 6ª folga xeral en Galiza “A maior protesta laboral da década” e a continuación: “Galiza secundou maioritariamente a folga xeral convocada por todas as forzas sindicais contra a crise industrial, agraria e pesqueira. En Vigo manifestáronse 150.000 persoas… Galiza viviu onte a maior mobilización laboral da última década. Se cadra de toda a súa historia…”.

O “Xornal Diario” dicía: “A folga xeral convocada en Galiza polos sindicatos a prol da industrialización e encontra da crise agraria e pesqueira tivo un seguimento masivo (…) Dende a primeira hora da mañá as rúas permaneceron desertas ate comezar as manifestacións nas principais cidades convocadas por CCOO, UGT e a CIG”.

A respeito da cifra de manifestantes, o xornal “Atlántico” daba de 100.000 persoas en Vigo, 20.000 en Coruña, 6.000 en Ferrol, 10.000 en Compostela, e en Pontevedra 3.000 segundo os convocantes e 1.200 en cifras da policía municipal. Mentres que “Xornal Diario” falaba de 8.000 persoas na manifestación de Ferrol, 3.000 en Pontevedra e 500 en Vilagarcía. “El Correo Gallego” pola súa parte daba 150.000 manifestantes en Vigo, de 8.000 en Lugo. Faro de Vigo 5.000 en Ferrol, 8.000 en Compostela na manifestación da mañá e 2.000 na que convocou o SLG polo serán, e 12.000 na Coruña. Mentres que A Nosa Terra indica que en Lugo e Compostela onde o SLG fixo as súas propia mobilizacións foron 7.000 na primeira e 5.000 persoas na segunda.

7ª Folga Xeral
Un paro que soubo a pouco

1992, 28 de maio. Convocada pola CIG, CCOO e UGT. Contratos e tema de pensións. Paro de media xornada. En todo o Estado.

Sobre este paro dicía “A Nosa Terra”: “A aprobación a última hora do proxecto de Lei de Folga por parte do Governo do Estado caeu sobre un vaso que xa pingaba. Os ánimos dos traballadores e dos sindicatos estaban alterados por mor do decretazo. O ton de Felipe González e de Carlos Solchaga foise moderando a medida que palpaba a situación social, mais non así os feitos. Fraga e Cuevas arrouparon ao Presidente e Aznar ficou só. Na Galiza o 2 de abril planeaba discretamente sobre a nova convocatoria de folga. A negociación só era unha reivindicación dos traballadores”.

Para La Voz de Galicia “O governo central estima que o 29% dos galegos seguiron un paro que segundo as centrais sindicais foi masivo”. E ademais engadía “Empresas como Endesa, Lavauto seguiron a folga de forma masiva, en tanto que Citroen, dos 4.500 traballadores da quenda o paro non chegou aos 2.000. En Pontevedra, a media ducia de empresas máis fortes foron as que máis secundaron o paro (…) os portos de Vigo e Coruña, pola súa parte, estiveron paralizados…”.

Pola súa parte “El Correo Gallego” da as seguintes cifras de participantes nas manifestacións: 5.000 en Vigo, 1.000 en Ourense, 6.000 en Ferrol (onde se fixo o acto central), 5.000 en A Coruña, Vilagarcía 1.000.

O “Correo Gallego” salientaba en titulares “O Governo decidiu manter a reforma laboral tras o 27-X”.

8ª Folga Xeral
Galiza o paro ten máis forza

1994, 27 de xaneiro. Convocado por CCOO, UGT, CIG e USO. Paro contra a reforma laboral. En todo o Estado.

Sobre esta folga dicía “Adiante” da CXTG-CIG: “A valoración que da xornada de folga xeral se pode facer é altamente positiva -a pesar da brutal manipulación desinformativa de certos medios de comunicación antes, durante e despois do 27 de xaneiro-, tanto a nivel estatal como da nosa nación. A participación activa no paro, seguido nas cidades galegas entre o 80 e o 95% dos traballadores e traballadoras, viuse referendada pola intensa presencia nas manifestacións, conformando as meirandes manifestacións humanas realizadas nos últimos anos en cada vila; nada menos que 230.000 persoas no conxunto de Galiza, cando a totalidade dos asalariados aproxímanse aos 550.000. A destacar, nese sentido, que as máis de 125.000 persoas presentes na manifestación de Vigo, converteron a esta mobilización nunha das maiores, senón meirande, da das realizadas no Estado español”.

Pola súa banda “A Nosa Terra” facía a seguinte valoración do paro: “O seguimento da folga na Galiza acadou os niveis máis outos no conxunto do Estado español, pésie que a patronal realizou unha campaña en contra sen precedentes. Tamén as 11 manifestacións celebradas superaron en número á de folga anteriores. Só as grandes superficies comerciais se negaron a pechar e na Administración autonómica o seguimento da folga foi do 25%”.

O semanario galego daba as seguintes cifras de participación nas manifestacións: Vigo 60.000, A Coruña 30.000, Ferrol 15.000, Compostela 4.000, Ourense 4.000, Lugo 3.500, Pontevedra 3.000, Vilagarcía 2.000.

Baixo o titulo de paro total no sector industrial, engadía “Pésie á estratexia empresarial o paro foi total na actividade industrial. Portos, transporte por estrada, RENFE, transporte urbán (agás servizos mínimos), construcción, polígonos industriais, empresas de distinto signo, sector pesqueiro e talleres mecánicos e de reparación, estiveron totalmente paralisados (…) en xeral a tónica da administración foi de escaso seguimento (…) Tamén nas cidades pechou case que totalmente o pequeno comercio do centro, incluídos os bares e tendas de alimentación. (…) tamén os bancos pecharon na súa maioría”.

9ª Folga Xeral
Paran as grandes empresas, construcción e transporte

2001, 15 de xuño. Convocada pola CIG e UGT. Paro contra a reforma laboral e tema pensións. Só en Galiza.

Sobre a folga “A Nosa Terra” dí o seguinte en titulares: “A afluencia ás manifestacións foi a máis importante dos últimos anos en Vigo, A Coruña e Ferrol (…) a CIG e UGT consideran cumpridos os obxectivos da folga xeral”. A continuación engade “…Foi unha folga máis urbán que rural, un paro obreiro, pero tamén labrego e mariñeiro. Ademais, resultou destacábel a afluencia ás mobilizacións, máis de cen mil persoas saíron á rúa nas manifestacións convocadas ao longo do país. Localidades da mariña ou da Costa da Morte, onde habitualmente non se celebran mobilizacións contaron con manifestacións nas que a participación abalaba entre as duascentas e as cincocentas persoas. Vigo, Coruña e Ferrol foron as cidades con maior asistencia, tanto que nas tres cidades as cifras de afluencia había moitos anos que non se daba”.

“A do 15 de xuño foi unha folga dura. Disto dan conta os numerosos enfrontamentos que tiveron lugar, sobretodo na cidade de Vigo, localidade na que sempre teñen especial incidencia as mobilizacións destas características (…) As de Verín e Xinzo foron manifestacións especificas de labregos, onde a presenza de tractores foi moito máis numerosa”. Na páxina 4 o semanario titulaba “Fracasa a contra-folga convocada pola patronal, Governo central, a Xunta e as CCOO”. destacando na nota que “En Santiago a patronal distribuíu ambiguas circulares sobre a suspensión dos contratos dos seus traballadores”.

O “Atlántico” titulaba como “Desigual seguimento da folga marcada pola violencia dos piquetes dende primeiras horas”. Engadindo a continuación “A folga xeral tivo unha incidencia desigual na comunidade galega , destacando como pontos principais as comarcas de Vigo e Ferrol (…) A manifestación central da folga xeral convocada por UGT e CIG desenvolveuse en Vigo e contou coa participación de aproximadamente 50.000 persoas”.

Pola súa banda o Faro de Vigo destacaba “A folga xeral en Galiza foi un éxito para os sindicatos e un ‘fracaso estrepitoso’ para a Xunta”. Salientaba en negrita “Fraga manifestou que Galiza mandou ao ‘carallo’ a folga xeral”. Engadía na nota que “participaron 55.000 persoas, segundo os sindicatos, e 30.000 a 35.000 segundo a policía local (en Vigo). En Coruña a participación foi de 10.000 persoas, Ferrol de 7.000, Pontevedra 6.000, Compostela 5.500, Ourense 5.000, Lugo 2.500, Vilagarcía 3.000 (…) Os sindicatos tamén destacaron o paro de empresas como Izar en Ferrol e Fene, Pescanova, Arriva, Repsol, Castromil, Calvo, Ferroatlantica, Tafisa, Ence, Santa Bárbara e Alumina”.

A valoración que facía o “El Mundo” era a seguinte “A folga en Galiza incidiu sobre todo nas grandes empresas”. Salientando que “Un dos sectores onde máis se deixou notar a folga foi no naval, onde se rexistrou un seguimento practicamente total nos estaleiros de Vigo e nos do grupo Izar en Ferrol”.

10ª Folga Xeral
Manifestacións masivas e paro total

2002, 20 de xuño. Convocada por CIG, CCOO e UGT. Paro contra a reforma das prestacións por desemprego. En todo o Estado.

O semanario “A Nosa Terra” titulaba “Masiva asistencia ás manifestacións en Galiza… Aznar perde por goleada”: “Malia o éxito da folga, con Galiza como participante sobranceira, todo indica que José María Aznar vai seguir impulsando as reformas ultraliberais que recortan os direitos dos traballadores ata reducilos ao mínimo”.

Pola súa banda “Faro de Vigo” fai as seguintes valoracións en titulares “Máis de 100.000 persoas maniféstanse en Vigo contra a reforma laboral (…) Vilagarcía protagoniza a maior protesta da historia laboral de O Salnés (…) Case 20.000 ourensáns saen á rúa para protestar polo decretazo laboral do governo (…) Industria, construcción, transporte e a maioría do comercio secundan a xornada reivindicativa (comarca de Pontevedra)”.

A análise máis negativa a realiza “La Voz de Galicia” que titulaba en portada “Desigual seguimento da folga en Galiza”. Despois nas páxinas interiores a valoración collía outro tinte ao indicar “A industria e a construcción foron os dous sectores que onte lideraron o seguimento da folga, cunha adhesión case masiva, mentres que nos servizos o apoio foi máis intermitente, na xornada de paro xeral celebrada en Galiza (…) Das máis de 200.000 persoas que saíron a manifestarse nas principais cidades galegas, Vigo abrangueu a unha das maiores concentracións de toda España, con 115.000 persoas”.

“El Correo Gallego” que se pode considerar a voz oficiosa do PP en Galiza puña en boca de Xaime Pita que este admitía que o paro afectou en Vigo ao 70% “a causa dos piquetes”. Noutra páxina ese mesmo xornal titulaba “os piquetes provocan un elevado seguimento da folga en Santiago”.

“La Región” de Ourense dicía sobre o paro nesta cidade “Folga a toque de piquete,… un contundente despliegue sindical asegura o paro”.

O “Diario de Ferrol” titulaba “Ferrol rexeitou o decretazo cunha participación xeralizada na folga”.

Pola súa parte “El Ideal gallego” indicaba que “dende o ano 1989, ano da histórica mobilización pola capitalidade, A Coruña, non se botara a rúa tan masivamente como onte. Unhas 50.000 persoas segundo os sindicatos, participaron na manifestación (…) As cifras como xa é habitual contrastaron co seguimento do 16% estimado pola Delegación de Governo, o 20% que manexou a Confederación de Empresarios. No concello o seguimento foi do 60%, na Deputación do 22%. Nos polígonos industriais as grandes empresas pecharon, e na administración o 70% secundou o paro.

11ª Folga Xeral
Éxito da clase traballadora galega

2010, 29 de setembro. Convocada por CIG, CCOO e UGT. Contra a Reforma Laboral.

A Confederación Intersindical Galega avaliou como un éxito rotundo a folga xeral convocada pola central sindical en Galiza este mércores 29 de setembro. Suso Seixo, secretario xeral, considerou que se acadou unha participación similar á da folga xeral de 2002, superada en comarcas como Vigo, onde se superou amplamente o 80 por cento. Nas manifestacións convocadas pola central sindical, celebradas en todas as cidades e en numerosas vilas do país, a participación chegou ás 80.000 persoas. A marcha máis numerosa foi a de Vigo, onde a participación superou os 40.000 asistentes.

A CIG considera de especial relevancia a incidencia da folga xeral na industria onde se superou ao igual que na construción o 75 por cento, cos polígonos industrias e as principais empresas do país paralizadas. Canto á limpeza viaria, a central sindical cifra nun 100% a incidencia da folga e entre un 80 e un 90 por cento no transporte de viaxeiros. Respecto do transporte escolar a central sindical salienta que só funcionaron os servizos mínimos.

 

2011 01 27 manifolgaVigo12ª Folga Xeral
Protagonismo do sindicalismo nacionalista

2011, 27 de xaneiro. Convocada pola CIG coa ausencia de CCOO e UGT. Contra a reforma das pensións.

A CIG amosou a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.

A folga tivo un seguimento practicamente xeneralizado no transporte de viaxeiros e nos urbanos, na recollida do lixo e limpeza viaria, no sector naval, nas grandes obras da construción (como a ampliación de Peinador e Lavacolla ou o porto exterior da Coruña) e nos portos comerciais de Ferrol e da Coruña. Os polígonos do Campiño en Pontevedra, do Tambre en Compostela e algunhas empresas situadas nos de Vigo viron reducida a súa actividade, de igual xeito que na cidade olívica lle sucedeu a Citroën, que tivo que dobrar a quenda de noite (terían que rematar ás 5.00 horas e eran as 8.00 e aínda traballaban) para que a liña de produción non se vise afectada. Alén diso, cómpre salientar que o 40 % da quenda de mañá non entrou a traballar, arredor de 1.000 persoas.

Outras empresas importantes que se viron afectadas polo paro foron a ferrolana Navantia (cun paro do 40 % na empresa principal e do 60% nas auxiliares, mentres que en Fene o paro ascendeu case até o 90%), Celulosas de Pontevedra (arredor dun 50 %), Alcoa en San Cibrao das Viñas (sobre un 50 %) ou Zara Loxística, en Arteixo (outro 50 %). En Ourense rexistrouse un paro total nas compañías Roberto Verino e Faurecia.

No que respecta á administración local salienta o seguimento masivo que tivo a convocatoria nalgúns Concellos, como foi o caso do de Compostela, cun 80 % de paro. En canto ao ensino secundario, a adhesión á folga estivo entre un 60 e un 70 %. Finalmente, o sector onde o paro tivo unha menor repercusión foi no pequeno comercio e nas grandes áreas.

2011 01 27 manifolgaVigo13ª Folga Xeral
Mobilizacións históricas nas rúas galegas

2012, 29 de marzo. Convocada pola CIG. Posteriormente sumáronse CCOO e UGT. Contra a reforma laboral do PP.

Todos os secretarios/as comarcais da CIG coincidiron en sinalar o carácter histórico das marchas organizadas nas súas respectivas localidades debido á elevadísima participación. Vigo volveu ser o lugar que concentrou a un maior número de xente, superándose con creces as 60.000 persoas. A continuación situaríanse A Coruña e Ferrol, con 30.000 persoas cada unha delas, ademais de Santiago de Compostela, onde participaron da orde de 18.000.

O secretario xeral do sindicato nacionalista cualificou como altamente positivo o seguimento que tivo o paro no conxunto do país (que cifrou entre un 80 e o 90%) e a masiva participación nunhas manifestacións “que son as máis numerosas que se teñen feito en Galiza”.

Con todo, Seixo indicou que o resultado foi o agardado “despois do gran traballo realizado polos compañeiros e compañeiras da CIG, tanto nas empresas como na rúa”. Na súa opinión, o éxito acadado constata a capacidade mobilizadora da CIG. “Ademais, a xente entendeu que fomos nós os que tomamos a iniciativa de convocar a folga xeral e sumouse ás nosas mobilizacións”, comentou.